Moncho::Teresa


    Aí ides, aí seguides, ós mandos dun tren que avanza, máis de présa unhas veces, máis amodiño outras, pola beira do río, polas faldras dos montes, ata chegar á casa; sen facer caso do frío do inverno nin da calor do verán; deixando ó voso paso a estela do fume da cheminea.
Mirando por un espello que vos devolve o presente, ó tempo que vos permite ollar cara atrás e ver como fostes enganchando vagóns á vosa locomotora sen que iso vos obrigase a reducir a marcha.

    Un vagón e outro e aínda outro máis. E outro e outro, enganchándoos sen parar. Case poderiades perder a conta de toda a xente que foi subindo neles, acomodándose e acompañándovos na viaxe. O balbordo cada vez maior chégavos nidiamente malia o ruído enxordecedor da máquina. Mirades o reloxo, faivos falla detervos de cando en vez e escoitar o seu tic-tac porque sempre vos sorprende canto correu o tempo sen case vos decatardes.Vendo pasar días claros e nidios e noites escuras e mestas nas que buscastes unha luz que vos permitise seguir camiño.

    E un sorriso cargado de cariño que acompaña a cada xesto, a cada unha das persoas que se vos achegan e quedan ó voso arredor. Sempre con tempo e forzas para un paseo, para gozar en compañía de todo iso tan fermoso que ten Monforte, do clac-clac-clac das cegoñas; para un “neniñas, os quedáis a cenar” mentres se friten unhas patacas; para explicar que os zapatos non teñen talla, senón número; para ensinarnos como se coloca unha sola, como corre un tren e como se lle dá a volta; para preparar unha cama, para convidar a volver, para convidar a quedar.
   Sempre con tempo e forzas para nos deixar caloriña no peito a aqueles que sentimos que o voso
tren sempre nos leva á casa.
                        Feliz 50 aniversario. Graciñas por deixarnos celebralo ó voso lado